Saturday 18 de May de 2024

Lete Lasa supervisa o remate das obras do circuíto de calistenia de Santa Comba, o pavillón deportivo de Curtis e a gaiola de lanzamentos de Ordes que xuntas suman máis de 120.000 euros


A provincia da Coruña vese beneficiada neste 2019 por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comprobou no día de hoxe o estado final das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos concellos coruñeses de Santa Comba, Curtis e Ordes. Estas tres intervencións recentemente rematadas contaron cun investimento de máis de 120.000 euros, financiados integramente polo Goberno galego.

En primeira instancia, o secretario xeral dirixiuse ao Concello de Santa Comba onde comprobou o remate das obras do circuíto de calistenia no complexo deportivo municipal da Fontela e que contaron cun orzamento de 47.490,69 euros.

Posteriormente dirixiuse a Curtis onde a Xunta de Galicia levou a cabo actuacións de adaptación dos vestiarios no pavillón polideportivo cun presuposto de 39.999,99 euros.

Por último, o mandatario galego visitou a cidade deportiva de Vista Alegre, en Ordes, onde se construíu unha gaiola de lanzamentos de atletismo cun custo total de 32.787,33 euros. Grazas a esta actuación, a pista de atletismo de Ordes poderá albergar probas e campionatos federados desta modalidade tanto de ámbito autonómico como nacional, grazas ao certificado internacional co que conta.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destina unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, a provincia da Coruña vese beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.